Xa gostaba do cemiterio cando aínda era precisamente iso, un cemiterio vello, inquedante, no corazón do Barrio de San Pedro, que máis dunha vez visitei, ás agochadas, temerosa de que algúen me descubrira, faltando a clase, e aínda por riba, facendo cousas tan raras. ¡Vaia pasatempos tiña eu cando era noviña!
Xa despois, cando eu tiña uns vinte anos máis ou menos, cando xa non era un cemiterio, pouco a pouco foi facendo sitio na miña rutina semanal. Estar á beira dun camposanto que xa non o é, é coma estar nunha igrexa desacralizada, o desnaturalizado de súpeto convertido no lugar máis natural e simple do mundo.
Nas épocas de exames, sempre había un momentiño para sentar alí, xusto no campo que está enriba dos nichos baleiros, lendo libros, calquera título, agás os de psicoloxía, a miña carreira. Non sei por qué, pero era naquelas semanas cando máis eu quería ler e evadirme de todo: "Os lusiadas", "Vermello e negro", "A montaña máxica", "A gaivota", " O lobo estepario", "Luces de Bohemia", "Os diarios do trasno", "De catro a catro", "Sempre en Galiza", "Á procura do tempo perdido", "Tio Vania", "Poeta en Nova York"; poesía de Cernuda, Salinas, Novoneyra (Ai, Novoneyra!!!)...
Estou segura de que lin todo iso entre exame e exame. Era como si a obligatoriedade de estudar non puidera ca miña propia obligatoriedade de procurar, descobrir, investigar, vivir a vida paralela existencial, a rebeldía do que de verdade importa, o descobrimento do libre albedrío. Se facía mal tempo e chovía, tiña que ler no café Literarios da Praza da Quintana, na mesiña primeira á dereita, a carón da ventana, unha mesa grande e con espacio para poñer os libros e escribir, e coa mellor vista da miña Atlántida particular, a Quintana. A esa mesa chamáballe "o meu despacho", pásate polo meu depacho dicía eu cando quedaba con algún amigo, daquela non había móviles. Se facía bo tempo, sempre sempre, en Bonaval, xusto no lugar desta foto.
Esta foto saqueina no último Nadal, 2007, pasaron 15 anos, e ahí segue todo igual, eu máis vella, as ilusións de xuventude, se cadra están rotas, óllanme de esguello e eu estou ollando pra elas tamén cos ollos entreabertos. Foi un momento especial o da foto, un día antes de voltar á miña cidade mediterránea de agora. Ollei pra a cidade desde este promontorio, repasei os tellados, os montes, tantos campanarios de tantas igrexas, vin escurecer, entre lusco e fusco, sentindo a humidade, o frío do inverno, e xa a chegada da noite. Non importa os anos que pasaron desde a miña primeira tarde alí, eu sinto o mesmo, a vida existencial está sempre ahí, non importan os traballos, as mudanzas, a voráxine da madurez que viste a autenticidade de traxes de mentira, as superficialidades do mundo egoísta e consumista. Eu son quen son ahí, en Bonaval, outro dos meus lugares primixenios. Bonaval é o mecanoscrito da miña segunda orixe, escrito nos seus nichos e nas suas follas secas de outono, coma o libro que lin na miña adolescencia de editorial Galaxia, o libro das segundas oportunidades.
Cando estou en Bonaval, o meu corazón de poetisa renace, de lectora, de muller que olla ao mundo sen moitos rencores, sen pasado, con moito futuro, con ganas de vivir, de ser fiel a si mesma, de non trabucarse no fundamental.
Agora o fundamental sei o que non é. O que non debe ser.
O paraiso perdido, Bonaval, A Quintana, A choiva, a Literatura, O Futuro...