10 mar 2008

A morriña, a saudade, o spleen



A culpa foi da choiva.

Camiñaba e camiñaba tódalas mañás que podía faltar ás clases de psicopatoloxía e neuropsicoloxía da universidade dos 90, tan conceptuales e sen sentido. Farta dos conceptos, dos constructos, das tipoloxías. Buscando a realidade no mercado de Abastos, nas rúas pequenas, nos soportais, debaixo das arbores da Alameda ou da praza de San Roque, no paseo a pé ate o Burgo das nacións, ate o Pedroso, polas Casas Novas, polo barrio de San Pedro, na Quintana, nas Rúas do Vilar e Nova, no Auditorio, na Algalia, na rúa do Home Santo, Conxo...

A liberdade.

E chovía todo o tempo, creo que o ultimo ano que pasei enteiro en Santiago antes de partir, o 2000, non parou de chover en moitos meses. A miña desazón e o sinsentido da miña tristeza, a choiva e o ceo gris, entre outros moitos máis problemas do ego dos vintepico anos, madia leva!, leváronme á emigración. Emigración froito da miña mocidade, do spleen infinito que non sabía que sentía. O encordio de seguir vivindo sen saber moi ben por qué. A marabilla da tarde finita, na que a vida tan só dura un instante de luz entre a pedra das rúas molladas, coma a da foto (esta foto tamén é do Nadal 2007, do meu móvil). E comezaba a gozar do fracaso, sen máis. Ao fin a soidade comezaba a ser un triunfo.

Marchei para Madrid e alí chegou a morriña pra instalarse, a pura morriña, que invadía os meus sonos cos sons das árbores. ¡Soñaba con sons! Soñaba cos montes, co río Sor ¡facía anos que non o vía! O primeiro ano na emigración, na búsqueda de Ítaca, foi unha autorrealización que idealicei, porque era nova. O primeiro ano cheo de lembranzas que apareceran nos sonos. A morriña enganaba á miña consciencia nos cafés de Malasaña e inundaba a inconsciencia. Gocei do fracaso da inmigración, da soidade morriñenta.

E chegou o amor. A embriaguez do primeiro estadio dun gran amor, entre as rúas do Madrid dos Austrias, no barrio da Morería, nas mesas do Comercial da Glorieta de Bilbao, nos cafés de Malasaña. Manuela, Pepe Botella, Parnasillo, Ruiz, Isadora, o Barbieri de Lavapiés. Unha nova estación na "Rayuela", unha tertulia literaria de pouca altura. Eu era a Maga, atopáranme fóra de xogo, fóra da terra, Maga sen Rocamadour...

E agora, agora a está a saudade intensa, vivindo nunha cidade mediterránea á que cheguei detrás do meu compañeiro. Van case 34 anos no mundo, 8 fora de Galicia, 6 en Madrid, 2 en Barcelona, fóra de Santiago, alén do Sor.

A saudade que irrumpe polas miñas venas, xusto ate o centro dos miolos, a saudade, mollando coma a choiva, regando o meu futuro de lembranzas, de pasado...

Todas as miñas cábalas de futuro, caeron nun burato negro terrorífico que estame deixando sen as miñas creencias de sempre e sen os meus proxectos antigos e sen todo o que creín cimentar durante anos pouco a pouco, pedra a pedra, forxando un destino que nunca o será.

A anestesia do vacío, chovendo na "Rayuela", a intrahistoria, a desexada volta á terriña que non chega, Santiago, o spleen, a morriña, a saudade...

O terrorismo da saudade, destrutora do ego. Xa non hai artificios. Non teño hipoteca, non teño fillos, estou lonxe. Non quero nada, só teño saudade.

Eiquí non chove, non hai fracaso, non hai pedra mollada que anestesie o pensamento, camiñando, pola mañá, buscando a realidade, a liberdade.

" Hai unha cousa que se chama tempo, Rocamadour, é coma un bicho que anda e anda"
Rayuela-Cap. 32. Cortázar


Non quitaremos a chuva
mais mudaremos o gris,
gris bágoa da súa alma
por azul do seu porvir
.
Chove. Xabier Díaz(Salitre)