6 ago 2008

A casa do retorno



Aquí está a miña abuela Lupe saíndo da que foi a súa casa de Muiños, o seu pai Antonio ao fondo co seu irmán Carlos. O coche do meu pai vese un pouquiño á esquerda.

Cando miro esta foto, teño sensacións diferentes cada vez. Mais sempre está o momento da partida presente nas fotografías que temos desta casa. Pouco tempo puideron estar xuntos os irmáns, incluso creo que non chegaron a convivir todos na mesma casa. O máis cativo dos irmáns da miña abuela naceu uns meses despois que o meu pai, así que non creo que puideran. Outra vez o desgarro da separación do sangue...

Ve-la foto é senti-la tentativa de comprender, de entender a psicoloxía destas persoas que son as da miña familia. Xentes que nacimos e medramos na Galicia ata a mocidade, que conformamos a nosa personalidade na nosa referencia de orixe galega. Persoas que, nembargantes, pasamos o resto da vida noutro lugar. (No meu caso, non quero que seña o resto da miña vida, non será así, estou segura). Poucos voltaron á orixe despois da emigración, a miña abuela Lupe morreu lonxe das Ribeiras en corpo e en espíritu presa da demencia, outra irmá morreu en Brasil, a outra ao pouco tempo de voltar ás Ribeiras desde Inglaterra e non poder disfrutar apenas da casa da Cascarilla.

Marchamos da orixe, voltamos unha ou duas veces ó ano, vestidos con roupas que non son propias do lugar, coma as da miña abuela na foto. Son retornos a medias, de ida e volta. Visitas que son moi intensas, cheas de proxectos que creemos que son pouco duraderos, e que son en realidade os verdadeiros devezos da alma.

O proxecto da miña abuela: sempre dicía que quería facer unha casa en Pastoriza, perto da casa da súa querida Pepa, á beira do río Sor con 3 plantas, unha para cada fillo. Unha casa á que voltar os veráns nas vacacións, na xubilación. Non puido ser, nunca a fixo, nunca a tivo.

Eu fun este verán e tamén o do ano pasado vestida con roupa inapropiada para a aldea, con tacóns e vestido de boda... O retorno esporádico. ¿Iso é voltar? Pasei case 15 anos sen visitala, algún enterro nada máis. Dos 15, sete anos porque chegou a mocidade e necesitaba vivir os excesos do asfalto e das viaxes aventureiras, senti-la extensión do mundo e senti-la miña liberdade. Os últimos oito anos non fun porque son os que levo fora da terra. Mais cando poño un pe alá, non importa o tempo pasado, é voltar e de súpeto sentir toda a enerxía do lugar e da infancia.

E cando chega o momento de marchar, de dicir adeus á aldea, sinto unha grande tristeza, sempre, todas e cada unha das veces que marcho das Ribeiras, ou de Mañón, ou de Vicedo, ou de Negradas, ou de Riobarba, en definitva de tódolos sitios do Norte galego nos que viviron os devanceiros e nos que aínda viven os parentes. A descendencia vaise fragmentando cada ano que pasa, os primos xa son de 3º o 4º grado, o sangue vaise diluindo, lei de vida...

Todos eses momentos de despedida dos lugares do Sor, alén do río, son os do peso do retorno incerto e síntoo así desde que era moi cativa: cando voltarei, cando será a próxima visita, e por que será a visita...

E sempre, nos últimos tempos sobre todo, a gran pregunta (que eu sei que sempre planeou na cabeciña do meu pai porque é un devezo que a miña abuela lle traspasou á sua alma e que agora está tambén na miña, unha pregunta que non é hereditaria, senón espiritual): ¿faremos algún de nós, os que aínda estamos vivos, a descendencia, a casiña da miña abuela?
A casa do exilio da vida lúgubre das cidades...

No hay comentarios: