4 abr 2009

Tránsito

Xa vai tempo do último post, estamos en abril do 2009. Non fun quen de continualo, pois cada vez sentía máis que non lle interesaba a ninguén, que era excesivamente intimista, autocompasivo e outros longos etcéteras que non se me ocurren agora.

O que sí que sinto cado o leo, é que se trata da crónica dun tránsito clarísimo na miña vida. A lexanía das personas queridas, o abri-los ollos dunha vez por todas ás cousas que de verdade importan, a familia, a literatura, as inquedanzas, o desprezo polo estrés e polas obligación empresariais sen sentido que minan a personalidade e a saúde.

Agora sigo en BCN, nun proceso forte de cambio vital e de crisis interior. Non sei cómo acabará, mais estou segura de que seña o que seña o que teña que pasar, ou o que pasou, ou o que está pasando, eu síntome máis auténtica que nunca.

E que o diario da morriña o é da morriña global, vital, non só da morriña da lexanía.

6 ago 2008

O Bisabuelo Antonio



O bisabuelo Antonio, en Muiños, ca miña nai, a miña irmá e máis eu. É unha das miñas fotos preferidas. Foi o único bisabuelo que coñecín, o das Ribeiras do Sor, morreu cando eu tiña 8 anos. Teño moitas lembranzas deste home tan bó: aprendeume a bebe-lo leite directamente das ubres da vaca; con el vin as miñas primeiras galiñas; acariciei con el por primeira vez un can de palleiro, o seu canciño Jackie; el foi tamén o que me contou como medraban as patacas da terra en vivo e en directo. Ainda lembro a sorpresa cando vin como se recollían, ¡estaban enterradas!.

Para unha nena que naceu na cidade, ainda que a cidade seña pequena coma a miña, visita-la aldea era visita-lo paraiso, o descobremento do mundo de verdade. E o bisabuelo Antonio foi o que nos deu o grande regalo da aldea e da natureza á miña irmá Maite e mais a min. Nunca poderemos pagalo, por iso é que temos que facer memoria e non esquecer ese gran acto de xenerosidade dos máis vellos.

A casa do retorno



Aquí está a miña abuela Lupe saíndo da que foi a súa casa de Muiños, o seu pai Antonio ao fondo co seu irmán Carlos. O coche do meu pai vese un pouquiño á esquerda.

Cando miro esta foto, teño sensacións diferentes cada vez. Mais sempre está o momento da partida presente nas fotografías que temos desta casa. Pouco tempo puideron estar xuntos os irmáns, incluso creo que non chegaron a convivir todos na mesma casa. O máis cativo dos irmáns da miña abuela naceu uns meses despois que o meu pai, así que non creo que puideran. Outra vez o desgarro da separación do sangue...

Ve-la foto é senti-la tentativa de comprender, de entender a psicoloxía destas persoas que son as da miña familia. Xentes que nacimos e medramos na Galicia ata a mocidade, que conformamos a nosa personalidade na nosa referencia de orixe galega. Persoas que, nembargantes, pasamos o resto da vida noutro lugar. (No meu caso, non quero que seña o resto da miña vida, non será así, estou segura). Poucos voltaron á orixe despois da emigración, a miña abuela Lupe morreu lonxe das Ribeiras en corpo e en espíritu presa da demencia, outra irmá morreu en Brasil, a outra ao pouco tempo de voltar ás Ribeiras desde Inglaterra e non poder disfrutar apenas da casa da Cascarilla.

Marchamos da orixe, voltamos unha ou duas veces ó ano, vestidos con roupas que non son propias do lugar, coma as da miña abuela na foto. Son retornos a medias, de ida e volta. Visitas que son moi intensas, cheas de proxectos que creemos que son pouco duraderos, e que son en realidade os verdadeiros devezos da alma.

O proxecto da miña abuela: sempre dicía que quería facer unha casa en Pastoriza, perto da casa da súa querida Pepa, á beira do río Sor con 3 plantas, unha para cada fillo. Unha casa á que voltar os veráns nas vacacións, na xubilación. Non puido ser, nunca a fixo, nunca a tivo.

Eu fun este verán e tamén o do ano pasado vestida con roupa inapropiada para a aldea, con tacóns e vestido de boda... O retorno esporádico. ¿Iso é voltar? Pasei case 15 anos sen visitala, algún enterro nada máis. Dos 15, sete anos porque chegou a mocidade e necesitaba vivir os excesos do asfalto e das viaxes aventureiras, senti-la extensión do mundo e senti-la miña liberdade. Os últimos oito anos non fun porque son os que levo fora da terra. Mais cando poño un pe alá, non importa o tempo pasado, é voltar e de súpeto sentir toda a enerxía do lugar e da infancia.

E cando chega o momento de marchar, de dicir adeus á aldea, sinto unha grande tristeza, sempre, todas e cada unha das veces que marcho das Ribeiras, ou de Mañón, ou de Vicedo, ou de Negradas, ou de Riobarba, en definitva de tódolos sitios do Norte galego nos que viviron os devanceiros e nos que aínda viven os parentes. A descendencia vaise fragmentando cada ano que pasa, os primos xa son de 3º o 4º grado, o sangue vaise diluindo, lei de vida...

Todos eses momentos de despedida dos lugares do Sor, alén do río, son os do peso do retorno incerto e síntoo así desde que era moi cativa: cando voltarei, cando será a próxima visita, e por que será a visita...

E sempre, nos últimos tempos sobre todo, a gran pregunta (que eu sei que sempre planeou na cabeciña do meu pai porque é un devezo que a miña abuela lle traspasou á sua alma e que agora está tambén na miña, unha pregunta que non é hereditaria, senón espiritual): ¿faremos algún de nós, os que aínda estamos vivos, a descendencia, a casiña da miña abuela?
A casa do exilio da vida lúgubre das cidades...

5 ago 2008

Morriña

Instinto que niegas mi presente,
te empeñas en burlarte de mi dicha
invocando a mi tierra en mis ausencias.

Sin compasión convocas mi pasado
esperando que las sábanas me duerman,
para llenar mi duermevela con retornos
que me inunden de recuerdos sin futuro.

10 mar 2008

A morriña, a saudade, o spleen



A culpa foi da choiva.

Camiñaba e camiñaba tódalas mañás que podía faltar ás clases de psicopatoloxía e neuropsicoloxía da universidade dos 90, tan conceptuales e sen sentido. Farta dos conceptos, dos constructos, das tipoloxías. Buscando a realidade no mercado de Abastos, nas rúas pequenas, nos soportais, debaixo das arbores da Alameda ou da praza de San Roque, no paseo a pé ate o Burgo das nacións, ate o Pedroso, polas Casas Novas, polo barrio de San Pedro, na Quintana, nas Rúas do Vilar e Nova, no Auditorio, na Algalia, na rúa do Home Santo, Conxo...

A liberdade.

E chovía todo o tempo, creo que o ultimo ano que pasei enteiro en Santiago antes de partir, o 2000, non parou de chover en moitos meses. A miña desazón e o sinsentido da miña tristeza, a choiva e o ceo gris, entre outros moitos máis problemas do ego dos vintepico anos, madia leva!, leváronme á emigración. Emigración froito da miña mocidade, do spleen infinito que non sabía que sentía. O encordio de seguir vivindo sen saber moi ben por qué. A marabilla da tarde finita, na que a vida tan só dura un instante de luz entre a pedra das rúas molladas, coma a da foto (esta foto tamén é do Nadal 2007, do meu móvil). E comezaba a gozar do fracaso, sen máis. Ao fin a soidade comezaba a ser un triunfo.

Marchei para Madrid e alí chegou a morriña pra instalarse, a pura morriña, que invadía os meus sonos cos sons das árbores. ¡Soñaba con sons! Soñaba cos montes, co río Sor ¡facía anos que non o vía! O primeiro ano na emigración, na búsqueda de Ítaca, foi unha autorrealización que idealicei, porque era nova. O primeiro ano cheo de lembranzas que apareceran nos sonos. A morriña enganaba á miña consciencia nos cafés de Malasaña e inundaba a inconsciencia. Gocei do fracaso da inmigración, da soidade morriñenta.

E chegou o amor. A embriaguez do primeiro estadio dun gran amor, entre as rúas do Madrid dos Austrias, no barrio da Morería, nas mesas do Comercial da Glorieta de Bilbao, nos cafés de Malasaña. Manuela, Pepe Botella, Parnasillo, Ruiz, Isadora, o Barbieri de Lavapiés. Unha nova estación na "Rayuela", unha tertulia literaria de pouca altura. Eu era a Maga, atopáranme fóra de xogo, fóra da terra, Maga sen Rocamadour...

E agora, agora a está a saudade intensa, vivindo nunha cidade mediterránea á que cheguei detrás do meu compañeiro. Van case 34 anos no mundo, 8 fora de Galicia, 6 en Madrid, 2 en Barcelona, fóra de Santiago, alén do Sor.

A saudade que irrumpe polas miñas venas, xusto ate o centro dos miolos, a saudade, mollando coma a choiva, regando o meu futuro de lembranzas, de pasado...

Todas as miñas cábalas de futuro, caeron nun burato negro terrorífico que estame deixando sen as miñas creencias de sempre e sen os meus proxectos antigos e sen todo o que creín cimentar durante anos pouco a pouco, pedra a pedra, forxando un destino que nunca o será.

A anestesia do vacío, chovendo na "Rayuela", a intrahistoria, a desexada volta á terriña que non chega, Santiago, o spleen, a morriña, a saudade...

O terrorismo da saudade, destrutora do ego. Xa non hai artificios. Non teño hipoteca, non teño fillos, estou lonxe. Non quero nada, só teño saudade.

Eiquí non chove, non hai fracaso, non hai pedra mollada que anestesie o pensamento, camiñando, pola mañá, buscando a realidade, a liberdade.

" Hai unha cousa que se chama tempo, Rocamadour, é coma un bicho que anda e anda"
Rayuela-Cap. 32. Cortázar


Non quitaremos a chuva
mais mudaremos o gris,
gris bágoa da súa alma
por azul do seu porvir
.
Chove. Xabier Díaz(Salitre)

24 feb 2008

Bonaval, o paraiso perdido, entre lusco e fusco...



Xa gostaba do cemiterio cando aínda era precisamente iso, un cemiterio vello, inquedante, no corazón do Barrio de San Pedro, que máis dunha vez visitei, ás agochadas, temerosa de que algúen me descubrira, faltando a clase, e aínda por riba, facendo cousas tan raras. ¡Vaia pasatempos tiña eu cando era noviña!

Xa despois, cando eu tiña uns vinte anos máis ou menos, cando xa non era un cemiterio, pouco a pouco foi facendo sitio na miña rutina semanal. Estar á beira dun camposanto que xa non o é, é coma estar nunha igrexa desacralizada, o desnaturalizado de súpeto convertido no lugar máis natural e simple do mundo.

Nas épocas de exames, sempre había un momentiño para sentar alí, xusto no campo que está enriba dos nichos baleiros, lendo libros, calquera título, agás os de psicoloxía, a miña carreira. Non sei por qué, pero era naquelas semanas cando máis eu quería ler e evadirme de todo: "Os lusiadas", "Vermello e negro", "A montaña máxica", "A gaivota", " O lobo estepario", "Luces de Bohemia", "Os diarios do trasno", "De catro a catro", "Sempre en Galiza", "Á procura do tempo perdido", "Tio Vania", "Poeta en Nova York"; poesía de Cernuda, Salinas, Novoneyra (Ai, Novoneyra!!!)...

Estou segura de que lin todo iso entre exame e exame. Era como si a obligatoriedade de estudar non puidera ca miña propia obligatoriedade de procurar, descobrir, investigar, vivir a vida paralela existencial, a rebeldía do que de verdade importa, o descobrimento do libre albedrío. Se facía mal tempo e chovía, tiña que ler no café Literarios da Praza da Quintana, na mesiña primeira á dereita, a carón da ventana, unha mesa grande e con espacio para poñer os libros e escribir, e coa mellor vista da miña Atlántida particular, a Quintana. A esa mesa chamáballe "o meu despacho", pásate polo meu depacho dicía eu cando quedaba con algún amigo, daquela non había móviles. Se facía bo tempo, sempre sempre, en Bonaval, xusto no lugar desta foto.

Esta foto saqueina no último Nadal, 2007, pasaron 15 anos, e ahí segue todo igual, eu máis vella, as ilusións de xuventude, se cadra están rotas, óllanme de esguello e eu estou ollando pra elas tamén cos ollos entreabertos. Foi un momento especial o da foto, un día antes de voltar á miña cidade mediterránea de agora. Ollei pra a cidade desde este promontorio, repasei os tellados, os montes, tantos campanarios de tantas igrexas, vin escurecer, entre lusco e fusco, sentindo a humidade, o frío do inverno, e xa a chegada da noite. Non importa os anos que pasaron desde a miña primeira tarde alí, eu sinto o mesmo, a vida existencial está sempre ahí, non importan os traballos, as mudanzas, a voráxine da madurez que viste a autenticidade de traxes de mentira, as superficialidades do mundo egoísta e consumista. Eu son quen son ahí, en Bonaval, outro dos meus lugares primixenios. Bonaval é o mecanoscrito da miña segunda orixe, escrito nos seus nichos e nas suas follas secas de outono, coma o libro que lin na miña adolescencia de editorial Galaxia, o libro das segundas oportunidades.

Cando estou en Bonaval, o meu corazón de poetisa renace, de lectora, de muller que olla ao mundo sen moitos rencores, sen pasado, con moito futuro, con ganas de vivir, de ser fiel a si mesma, de non trabucarse no fundamental.

Agora o fundamental sei o que non é. O que non debe ser.

O paraiso perdido, Bonaval, A Quintana, A choiva, a Literatura, O Futuro...

18 nov 2007

A casa da Diáspora, o lugar de Muiños


O lugar de Muiños, nas Ribeiras do Sor, a orixe da diáspora. Desta casiña saíron para todo o mundo, os irmáns.

O pai para Cuba
Unha irmá para o Brasil
Unha irmá para Francia
Unha irmá para Inglaterra

A miña abuela Lupe acabou cos anos en Santiago, morreu ahí fai un ano, sentindo a morriña infinita, a do alzheimer. Nos últimos anos nada máis existían as lembranzas das Ribeiras e Mañón. Este blog é unha homenaxe á súa morriña.

Na foto, o primeiro coche do meu pai César, da súa xuventude, dos anos 60.

1 oct 2007

Momo, a revelación



De novo en tránsito. Viaxe en avión, por traballo.

Case morro de risa fai unhas horas. Eran as 7 da mañá, dirixíame cara á porta de embarque, cando distraída virei a miña cabeza cara ao corredor central da terminal do aeroporto e vin un exército de homes e mulleres grises, case todos homes con gravata ao pescozo, que se encamiñaban en fila a gran velocidade cara a algún lugar concreto, aínda que diferente en cada caso. Jajajajaj, foi especial, porque recordei o meu querido libro "Momo", da puberdade, un libro do que agora extraio o seu verdadeiro sentido, aos meus 33 anos, porque é un libro sobre todo para adultos.


Un exército de calvas, laca, traxes e gravatas. Cada un deles, personiñas coma min, cun corazón que non é de hiel, aínda que poida parecelo polo éter que o conserva durante as horas da xornada laboral, que finalmente se seca e se purifica día tras día cando volvemos á casa cos nosos, nas horas nas que nos reinventamos.
Nese momento recordei o malestar que adoito sentir comigo mesma, esa autoinculpación por levar esta vida empresarial e desdeñar aqueles indicios creativos da miña mocidade. Pero, de súpeto, alí mesmo, teño unha revelación: ¡somos mártires! ¡É un sacrificio cheo de xenerosidade cara ao resto da humanidade! Somos aqueles que nos vemos obrigados, sen querelo, a adoptar costumes idiotas de traxes chaqueta, apertóns de mans, saúdos cerimoniosos e voos mañaneiros cheos de legañas. Se non o fixésemos nós, pobres artistas e bohemios, pobres mentes creativas desaproveitadas. Sacrificámonos, cada un de nós, para que ese pintor ou escritor ou bailarín, non estea no noso lugar empresarial. É o Ying e o Yang, sen nós, eles non existirían, non habería canción protesta nin denuncia social, nin autoexilio íntimo, nin vangarda, nin cultura alternativa. Todo sería parte do todo, dunha realidade sumisa e autocomplaciente. Este é o prezo pola felicidade dos nosos conxéneres...

Pero agora que o penso... ¿non é hora de que lle toque xa a outro ou a outra?

19 sept 2007

A Quintana, morriña dixital

A miña Atlántida, o meu universo da xuventude, da mocidade, onde escribín tantos versos que ninguén leu, algún conto que non premiaron, onde chorei a vida e a bendecín. A Quintana dos mortos á luz da lúa deste setembro lonxe outra vez.

A webcam, o milagre da morriña dixital.

15 sept 2007

Brasil, la belleza del mestizaje


[[ (...) Hace algún tiempo, los responsables del censo en Brasil pidieron a la gente que describiera el color de su piel. Los brasileños llegaron a sugerir 134 términos distintos; entre ellos, alva-rosada (blanca con reflejos rosados), branca-sardenta (blanca con manchas marrones), café-com-leite (café con leche), morena-canelada (canela), polaca, quase-negra (casi negra) y tostada. Esta forma poética y desenfadada de describirse a sí mismos refleja una realidad que el visitante puede ver con sus propios ojos, sobre todo en las zonas más pobres de las grandes ciudades del país. En la Ciudad de Dios, una zona de viviendas protegidas para pobres a las afueras de Río de Janeiro (y escenario de la película del mismo nombre), he visto todos los colores y variedades posibles de rasgos faciales, a veces en la misma familia. (...) ]]

Timohty Garton Ash. "Brasil, la belleza del mestizaje" El País. 15/07/2007.
http://www.elpais.com/articulo/panorama/Brasil/belleza/mestizaje/elpeputec/20070715elpdmgpan_1/Tes

Rio de Janeiro


Visita ao Brasil, decembro do 2006. Saímos de Barcelona cheos de frío, facendo escala nun Frankfurt aínda más xélido. Vivimos a noite sobre o mar vindo unha lúa á metade todo o tempo. Eu mirando pola ventana sen parar, sen ser consciente por completo da miña primeira viaxe trasantlántica, con nervios, sabendo que en poucas horas pisaría o Brasil, tantas veces soñado, que vería aos meus primos, á miña familia emigrante, ós sobriños da miña abuela Lupe (a miña abuela morrería un mes despois da miña viaxe), que falaría e reiría con eles e que compartiríamos auga de coco á beira do mar. Sobrevolamos os montes cheos de barracas feitas de cartóns, de favelas e favelas e, por fin, o mar, os rascaceos, o pao de açucar, o cristo do corcovado.
O Río de Janeiro e a alma do mundo, a confluencia da pobreza, da riqueza máis obscena, da solidaridade profunda dos seus habitantes, da pobreza compartida entre sonrisas, das peles de cores diferentes. Ahí onde mires, non importa, sempre hai un curruncho de felicidade, un momento taoista de disfrute do segundo, sen ir máis alá. A foto é marabillosa: a escolinha do Favela Surf Clube, os estudiantes do mar ao fondo entre as olas, os corpos negros relucentes entre o azul.

Eu sou carioca no corazón.

14 sept 2007

Venres á tardiña




Ábrete Sésamo. Fora Disfraz Fora Pantomima Ola Desmesura Adeus guión alienante Ola Creatividade Adeus Ego de Merda Ola Segundo de Vida Adeus Empuxóns do Metro Ola Sorrisos do Bus e chiscadelas do parque Ola paseos Ola bicicletas Ola trasgu (pero ao trasgu dígolle ola cada día)
(Non me gusta esta dobre vida pero polo menos é dobre).

13 sept 2007

A Terra


" Se es da aldea as palabras e a relixión da terra van contigo a todas partes. Facendo que te sintas cheo. Aguantando de ti, facendo que non te rompas. Eu sinto como se toda eu estivese por dentro chea de terra. Unha terra liberadora, limpa e maravillosa. E a terra coa pedra, aquí, en Santiago, lévanse ben. Hai boa conexión, hai unha amizade."



Fisteus era un mundo. Lúpe Gómez. Vigo: A Nosa Terra, 2001.

12 sept 2007

¡Morriña?




Nova cidade fai ano e medio, nova casa, novo traballo. (Van unhas cantas casas e non tantas cidades).
Agora nunha urbe de mar, de luz mediterránea intensa que os meus ollos aínda non captan con naturalidade, porque pasaron décadas ao abrigo de nubes grises, omnipresentes, cargadas de choiva, de líquido amniótico.
Agora... a cotidianeidade obrigada do branco-azul, que desposúe, que cobre de desnudez as horas e estase colando insolente case a diario. Quen cona lle deu permiso?

9 sept 2007

A Orixe

A orixe de todo...

As maciñeiras que están ás beiras do río Sor dan unha variedade de mazás chamada marafonsa. E esta marafonsa, só podemos atopala eiquí, nas Ribeiras, medrando nun microclima perfecto, nesta terra tan especial, entre as serras da Faladoira e da Coriscada, a punto de converterse o río na ría do Barqueiro. Non sabe ben esta mazá, pero é a mellor pra facer sidra. «Alomenos, eso din os asturianos».

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/09/02/5073592.shtml